Ir al contenido

Esta semana visitou as nosas instalacións o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Prado, para abordar con representantes de Aspamadis as axudas dos bonos Consolida que o goberno galego otorga a empresas de economía social.

O delegado territorial indicou neste encontro que a Xunta achegou preto de 187.000 euros a un total de catorce entidades na nosa provincia, entre as que se atopa Aspamadis. Manuel Prado lembrou que está aberto o prazo dunha nova convocatoria, prazo que rematará o vindeiro  21 de abril. Os bonos Consolida contarán nesta ocasión cun orzamento de 2,73 millóns de euros para seguir impulsando en Galicia a creación e a consolidación de entidades de economía social.

Manuel Pardo explicou que esta liña de axudas está dirixida especificamente a sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. O seu obxectivo é apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética.

Nesta xuntanza participaron o noso presidente e a nosa secretaria, Manuel Martín e Elena Rodríguez, ademáis de Fernando Ledo, un dos traballadores de apoio do noso Centro Especial de Emprego. O representante autonómico aclarou que poden ser beneficiarias destas axudas económicas sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.

Para a convocatoria deste ano as achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións, con elas poderanse financiar investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.

Desde que se puxo en marcha no ano 2012, este programa de asesoramento especializado leva beneficiado a máis de 2.000 empresas galegas, con máis de 3.000 servizos prestados e un orzamento executado de 14 millóns de euros. Dende Aspamadis, o proxecto empresarial sen ánimo de lucro da asociación Adido, agradecemos á Xunta ser unha das catorce entidades beneficiarias do bono Consolida.

manuel pardo aspamadis
Elena Rodríguez, Fernando Ledo, Manuel Prado e Manuel Martín nas oficinas de Aspamadis en Ourense